Tuesday 17 de September de 2024

As Noites de María Pita reuniron a máis de 78.000 persoas asistentes


Omar Montes bateu o récord de espectadores da praza con máis de 26.000 persoas

Este mércores, 14 de agosto, finalizaba a sección Noites de María Pita, dentro da programación das Festas de María Pita 2024. O Goberno de Inés Rey volveu a apostar por concertos de artistas de diferentes xéneros e estilos para fomentar a participación masiva da cidadanía nesta primeira parte das festas da Coruña.

Tras a celebración do concerto de Budiño, que contou coa colaboración especial de artistas da talla de Mercedes Peón ou Vega, o número de persoas que asistiron aos nove recitais ascende ata as 78.000 persoas. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, analizou estes datos: “Estamos moi satisfeitos co resultado Noites de María Pita pois constata que a programación foi variada e xenuína, con xornadas para cada tipo de público e para todas as idades”.

Ademais, nesta edición do 2024 bateuse o récord de espectadores na praza de María Pita nun concerto, con máis de 26.000 espectadores. Foi Omar Montes quen arrebatou a Luis Fonsi, que actuou o pasado 2023, dito fito histórico nos eventos da cidade.

A música non abandona a praza de María Pita, pois este sábado comeza a Semana Clásica, outro dos eventos máis queridos e característicos das Festas de María Pita. Contará, como é habitual, coas principais formacións galegas: a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal de Música da Coruña, a Orquestra GAOS, a Orquestra de Cámara Galega e a Xoven Orquestra da OSG.
Asistencia por concerto
● Kate Ryan: 9.000 persoas
● Mocedades e Los Panchos: 8.500 persoas
● Los Planetas: 8.000 persoas
● Rock en Familia: 6.000 persoas
● Omar Montes: 26.000 persoas
● Locos por la Música: 8.000 persoas
● La Plazuela: 5.000 persoas
● Ariel Rot: 4.000 persoas
● Budiño: 3.500 persoas